Innovación
A flota de baixura poderá ter acceso a internet mentres está a faenar
22/11/2009 - Mónica Pérez. AGN
O proxecto de investigación Seamax, no que participaron dúas empresas galegas do sector do TIC —Quobis Network e Wireless Galicia—, as universidades de Vigo e A Coruña e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), permitiu idear un sistema de telecomunicacións e un prototipo experimental que permitirían levar ao mar algo tan cotián en terra como o uso de internet.
O sistema baséase no emprego de tecnoloxía Wimax para pór en marcha unha rede de comunicación inalámbrica de banda ancha. Isto abriría os contactos entre a costa e as embarcacións, ou entre os propios barcos, a posibilidades moito máis amplas que as actuais comunicacións por radio, que só permiten a transmisión de voz. Respecto da outra opción actual, as comunicacións por satélite, a conexión con Wimax resultaría máis barata.
Jorge Seoane, enxeñeiro de telecomunicacións do ITG, resume un dos grandes avances do sistema ideado sinalando que permitiría levar ás contornas marítimas todas as aplicacións e servizos que a banda ancha pode ofrecer en terra. O exemplo máis evidente e fácil de entender é o de internet. Cunha antena emisora en terra, conectada á rede a través de calquera operador, podería facerse chegar o sinal vía inalámbrica ás embarcacións que naveguen dentro da área de cobertura.
As probas realizadas permitiron garantir bos resultados nun radio de seis quilómetros pero o alcance pode ampliarse, xa que se deseñou unha 'rede mallada' na que cada barco que recibe o sinal pode converterse á súa vez nun emisor. Na práctica, isto significa que cada nave funciona como un repetidor, polo que un barco que se atope fóra do radio de cobertura podería recibir o sinal se hai unha embarcación intermedia.
Ademais de facilitar o acceso á rede de redes, o sistema ideado no proxecto Seamax amplía as posibilidades das comunicacións marítimas. O ancho de banda permitiría unha transmisión de 9 Mbps, suficiente para que ademais de voz se poidan enviar datos, imaxes e ata vídeo.
Outras aplicacións
Non só o sector pesqueiro podería beneficiarse desta investigación. Os seus resultados tamén poderían ter aplicación en instalacións náuticas, como portos deportivos, que poderían pór a disposición das embarcacións de recreo usuarias servizos como unha intranet, ou establecer sistemas de videovixilancia. Este control por cámaras poderíase aplicar a toda a zona de cobertura costeira, ao contar cunha rede inalámbrica de banda ancha que permitiría instalar equipos de videovigilancia en puntos estratéxicos. A organización e seguimento de actos deportivos no mar, como as regatas, tamén poderían aproveitar as vantaxes do sistema con Wimax.
Así as cousas, as aplicacións do proxecto poderían ter usos tanto públicos como privados. "Unha opción sería, por exemplo, que unha Administración pública desenvolvese unha rede de antenas para cubrir a zona costeira", explica Jorge Seoane, que comenta que Portos de Galicia, naquel momento usuario potencial, xa coñece os resultados da investigación. Empresas particulares tamén poderían estar interesadas en montar unha rede inalámbrica privada para dar servizo de internet ou controlar instalacións mariñas como parques eólicos, polígonos acuícolas ou plataformas petrolíferas.
Equipamento
As necesidades de equipamento non serían excesivas, aínda que o custo variaría segundo a área que se quixese cubrir, esixindo o despregamento de máis ou menos número de antenas emisoras. No outro extremo do sistema, cada barco ou punto de destino do sinal necesitaría un equipo receptor que pode consistir nunha antena que capte sinal Wimax, conectada a un PC. Coa popularización desta tecnoloxía inalámbrica (que utiliza bandas libres como tamén o fai o wifi para crear a súa rede, abaratando así custos) espérase que os novos equipos informáticos acaben integrando de serie estes receptores.
Polo momento, o proxecto Seamax, subvencionado pola Xunta con 250.000 euros a través do programa INCITE e que se desenvolveu entre novembro do 2007 e outubro do 2009, permitiu idear, deseñar e testar o sistema e obter un prototipo experimental de equipamento, O obxectivo a partir de agora é conseguir un produto final comercializable que ofrecer ás embarcacións.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





